O restaurante “A Casa do Tella e Rosalía” está situado no porto de Portosín.
A construción do edificio comeza en 1814, inicialmente adicabase á fábrica de salgadura de peixe e vivenda familiar.
O nome da casa quere lembrar aos antigos propietarios, O Tella (Manuel Lorenzo Carleos), de oficio mariñeiro, e á súa esposa Rosalía Lorenzo Aguierre, filla de emigrantes vascos asentados na parroquia de Goiáns (Portosín). Despois do seu casamento, O Tella emigrou a Brasil arredor dos anos 30 co fin de mercar a casa, criar aos seus 13 fillos e comezar a súa andaina como armador do barco “Vamos Indo”, converténdose nunha das naves con máis capturas da época.
Durante a súa estancia en Brasil, O Tella tatuouse unha áncora e un rosal en honra da súa esposa, que hoxe recollemos como imaxe e símbolo da nosa casa.
No ano 2014, os seus netos, Juan Méndez Lorenzo e Monse Santos Lorenzo, decidiron abrir en sociedade a casa ao público cun restaurante, conservando algúns dos elementos que lembran os usos e costumes do momento, como o forno da avoa, as pías de salgadura no xardín ou a pedra vista nas paredes.
A decoración quere facer un chisco á tradición mariñeira da familia e do seu contorno.
Doce anos despois de comezar o noso percorrido empresarial, culminamos o proxecto de A Casa do Tella e Rosalía adaptando o piso superior nun aloxamento sostible.
Comprometidos co mar e co medio ambiente, recuperamos materiais naturais como a pedra, o ferro e a madeira, evitando o uso de químicos e plásticos, e introducindo a aerotermia como fonte de enerxía limpa e de baixo consumo.
O aloxamento conta con cinco habitacións: Xarda, Bocarte, Xoubiña, Sardiña e Xurelo, coa intención de poñer en valor o peixe “Azul de Portosín”, tamén moi presente na nosa cociña